Sunday 28 de April de 2024

O Concello inicia os traballos de renovación da rede de saneamento na rúa Laureano Mediante, onde tamén se executarán melloras na accesibilidade


A rúa, situada no barrio dos Castros, pasará a ser de plataforma única, o que permitirá gañar espazos peonís. Ademais, conservarase o acceso aos vehículos soamente para os residentes

O Concello vén de poñer en marcha os traballos de renovación da rede de saneamento na rúa Laureano Mediante, no barrio dos Castros, unha intervención que arranxará as deficiencias existentes neste enclave.

A rúa Laureano Mediante, conectada coa rúa Mercé por unhas escaleiras no extremo norte, non dispón dunha saída para o tráfico rodado a excepción do propio acceso principal, desde a rúa Juan Montes. Neste sentido, estanse a aproveitar as obras de saneamento para acometer, ademais, melloras na accesibilidade para a cidadanía. Así, a Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade levará a cabo traballos de reurbanización en Laureano Mediante para que a rúa pase a ser de plataforma única, ampliando as beirarrúas e, en consecuencia, o espazo dispoñible para os peóns, e, por outra banda, conservando o acceso dos vehículos soamente para os residentes.

Os traballos na rúa Laureano Mediante enmárcanse na liña de proxectos de humanización e mellora dos espazos públicos establecida pola alcaldesa da cidade, Inés Rey.

Esta intervención da continuidade aos traballos de mellora executados polo servizo de Infraestruturas durante o ano pasado no Distrito 7 da cidade (Birloque, Os Castros, O Castrillón e Elviña). Soamente no 2021, o Goberno municipal efectuou un investimento de 2,4 millóns de euros nese distrito.